A Filla: Mólanme os libros, respecto a natureza e gústame compartir.

A Nai: Non esquezo que eu tamén levo unha nena en min.

xoves, 25 de abril de 2013

CONSEGUIMOS FACER AS MIL BARQUIÑAS MIMADRIÑA


Como xa contaramos, estamos participando no acto MIL BARQUIÑAS MIMADRIÑA PARA CASTRELO DE MIÑO.
É estupendo pois trátase dunha reivindicación para os cativos onde os propios nenos e nenas podemos estar presentes e participar tamén.
 
Cando a miña nai se puxo a facer barquiñas das que a ela lle gustan, das pequeniñas e de moitas cores, explicounos que simbolizaban a diversidade dos nenos e nenas galegas, cheos de vida e de ilusión polo porvir. Pediunos axuda para confeccionar unha escola desas do rural e poñerlle dentro as barquiñas, daquelas que parecían casiñas e que mesmo algunha foi rehabilitada e segue aberta.

Aquí entra o meu pai en acción e comezou a deseñar unha escola transparente para as barquiñas de mamá.

E veña a facer barquiñas mentres nos esperaba á saída do cole.

- Carliña, vasme ter que axudar. E axudei a facer nelas, ata lle ensinei algún truco para ir máis axiña.

E veña a facer barquiñas mentres asistía a unha mesa debate sobre a LOMCE.

Tamén foi pedir unha camiseta á Federación de Anpas da Costa da Morte, que está composta por nais e pais que traballan a reo e loitan pola defensa dos nenos e nenas. Atendeuna o seu Presidente, quen aplaude esta poética acción de Mimadriña. 

A miña nai chegou a casa dicindo:

  • Quero que cando Palmira me vexa o domingo coa camiseta de Fedanpas e lea Costa da Morte se sinta querida pola xente da súa terra, lembrándolle que a apoian e animan.

  • Quero que cando a anpa de Castrelo de Miño lea "en defensa do ensino público galego" na camiseta coñezan que outras Comarcas galegas tamén loitan polo mesmo e agradécenlle unha iniciativa tan positiva.

  • Quero que cando o Concello de Castrelo de Miño me vexa coa camiseta saiba que os que cremos en Mimadriña agradecemos a súa implicación no proxecto permitindo un acto tan fermoso nun día de feira.


 E veña a facer barquiñas. Ao chegar á número 644 mamá acordouse da neniña xaponesa.

Joao tamén participou pois esperta todas estas noites de madrugada. Mamá érguese a coidalo e despois xa non lle prende o sono, así que veña a facer barquiñas.

Estabamos no parque cando chegamos á 901 e quedamos sorprendidas de ver que Joao case consegue facer unha sen axuda.

Fixemos unha barca grande que representa a esa mestra ou mestre vocacional, unha ou un de tantos que anda polo rural ou polo urbano, ensinando, educando, vivindo preto de nós, capaz de seguir asombrándose da nosa imaxinación, de compartir diariamente un mundo de cores pequenos e que ten presente que tamén dos cativos se aprenden cousas.

Aos poucos Papá vai rematando a escola e nosoutras chegamos ás mil barquiñas.
Mil barquiñas Mimadriña para Castrelo de Miño.
Mil barquiñas Mimadriña para a defensa do ensino público galego.
Mil barquiñas Mimadriña para conseguir o teu sorriso.

Palmira, aínda nos queda darlle os últimos retoques e non nos da tempo de mandalas a Sardiñeiro, levarémoschas en persoa na fin de semana pero mamá quere adiantarche algo:

Aquí tes unha pequena proba máis de que si é posible un mundo melloristo é só o comezo do teu soño, dun proxecto máis grande para conseguir que un millón de barquiñas unan Galiza en defensa do noso ensino público.


Por último: Joao, durme tranquilo toda a noite que do contrario a nosa nai vai estar tan cansa que non nos vai querer levar a Castrelo de Miño. 






4 comentarios:

  1. Un sorriso? Non a pel de galiña e o Miño nos ollos! Moitísimas Grazas, como non! Mil Barquiñas de Carla e a súa familia mimadriña! ë increíble,é increíble, non o deixo de pensar,é increíble como a xente respondeu a esta iniciativa, é increíble, como sodes vós, as cousas que acontecen arredor dunhas barquiñas de papel, e de como aínda que fai pouco que nos coñezamos, tódolos amigos que vou facendo con este proxecto, sempre teñen un sorriso para min! Moitísmas grazas Vica por todo de novo, eu xa non sei que aventura montar para agradecerte todo isto!

    Polo de pronto pasar o fin de semana todos xuntos e vouvos convidar a comer a Pizza máis rica! Jijijiji A pizza do Rebus de Ribadavia, que alí tamén teño uns boas amigos que fai tempo que non vexo!

    Bicos e grazas mil!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Leín Pizza! pois menos mal que Joao non sabe ler, xa arranca para aló agora mesmo, é loco pola pizza!
      Teño moitas gañas de ir e estar con vós e coa xente do Miño, para min ten un significado especial todo isto, grazas a ti e as túas barquiñas recuperei unha ilusión pola xente que se me estaba escapando das mans.
      Vémonos!

      Eliminar
  2. Mil Bicos a canda as mil barquiñas.
    Mágoa de non poder estar ese día debido ás xornadas de Salvamento e Socorrismo en augas abertas coas miñas fillas.

    Ánimo e a toda vela.

    Antón.
    www.fedanpas.eu
    www.fedanpas.org
    federación de ANPAs da Costa da Morte

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Poñeremos a navegar dúas barquiñas mimadriña para as túas fillas. Grazas pola camiseta e pola confianza que depositades en Palmira e neste fermoso acto.

      Eliminar

Anímate a dicirme algo: